Andar cos Tempos
  • Inicio
  • Sobre nós
  • Intervencións
    • Exposición
    • Faladoiros
    • Obradoiros
  • Recursos
    • Publicacións
    • Materiais divulgativos
  • ENTRE TODAS
    • ENTRE TODAS
    • Nomeadas
  • Contacto
Carmen Esperante Cambeiro

Carmen
Esperante Cambeiro

(Carmen de Salghado)

A súa vida

Naceu en 1944 no Señorío, parroquia de Arcos (Mazaricos), onde viviu ata os 21 anos. Pasou un par de anos, ata os 13, en Coristanco, na casa dun tío cura, para ir alí á escola, xa que a do lugar quedaba moi lonxe atravesando o monte. Aos 13 anos foi para San Pedro de Nós (A Coruña) para dar conta da filla dunha tía súa que traballaba e non podía coidar dela; tamén estivo traballando na costura na Picota. Aos 21 casa e marcha para Piñeiros (Carnota). Traballou toda a vida a terra e co gando.

En Arcos facíanse todos os domingos foliadas: se chovía facíanse dentro dunha corte e, se non, fóra; alí aprendeu a tocar a pandeireta, mirando o que facían as demais. Cando se esfollaba o millo adoitaban botarse cantareas coas do lugar do lado, meténdose as unhas coas outras. Tamén aprendía cantareas das compañeiras da costura, que eran de distintos lugares da Picota.

O seu xeito de tocar e cantar

Na recollida hai catro toques distintos: o abanicar, a muiñeira riscada (o que ela chama "repenicada"), o valse (tocado como xota de 3) e a xota (7+3 toques). Ela toca a pandeireta, pero tamén ten contado que cando ían muxir as vacas usaban a canada (recipiente de lata cun coador usado para muxir) para tocar: desgraciadamente, non se puido gravar porque xa non hai ningunha. Agora mesmo xa lle custa tocar e, sobre todo, cantar, así que resulta complicado apreciar outras peculiaridades.

As cantareas (que así lles chama ela) teñen distinto contido: moitas son regueifas, que buscan meterse coa persoa a quen se lle cantan; outras moitas son concretas da parroquia de Arcos, mencionando lugares ou xente; outras son coplas bonitas en galego, algunhas máis sonadas; tamén canta algunhas en castelán que parecen estar sacadas de romances. As cantareas tipo regueifa conta que as discorría ela, e mais que apuntaba nun caderno as que discorría e as que escoitaba, e despois ela sopráballas ás compañeiras para que llelas botasen ás veciñas. Algunhas das cantareas teñen tres versos e outras catro, pero botábanse indiferentemente.

Rexistros audiovisuais

Ficha técnica da gravación
  • Lugar e data: Piñeiros, San Mamede, Carnota (C), 04/05/2025
  • Persoas compiladoras: Júlia Valdês Sendón (neta) e Sara Saa Besteiro (amiga da familia)
  • Outras persoas que saen na gravación: A súa filla

Quen a nomea?

Júlia Valdês Sendón (de Salghado)

Por que?

Gustaríame nomear a miña avoa porque é unha muller que nunca foi escoitada: traballou toda a súa vida na terra, o gando, a costura, a familia e os coidados; mantivo ela soa unha familia enteira e nunca o seu marido nin a familia del lle recoñeceron nin facilitaron nada. Ela di que non sabe cantar, nin tocar, nin bailar: por iso me gustaría darlle este recoñecemento. Creo que do vídeo e da información achegada se pode extraer o valor real das cantareas, e miña avoa, colectora de cantareas que anotaba no seu caderno, fixo o seu propio labor de recollida e difusión.
[email protected]
  • Inicio
  • Sobre nós
  • Intervencións
    • Exposición
    • Faladoiros
    • Obradoiros
  • Recursos
    • Publicacións
    • Materiais divulgativos
  • ENTRE TODAS
    • ENTRE TODAS
    • Nomeadas
  • Contacto