Andar cos Tempos
  • Inicio
  • Sobre nós
  • Intervencións
    • Exposición
    • Faladoiros
    • Obradoiros
  • Recursos
    • Publicacións
    • Materiais divulgativos
  • ENTRE TODAS
    • ENTRE TODAS
    • Nomeadas
  • Contacto
PARTICIPA!

Nomeando as mestras cantareiras

Entre todas, as cantareiras crearon e transmitiron de xeración en xeración o riquísimo patrimonio da nosa poesía popular, que este ano será recoñecido no Día das Letras Galegas a través de seis representantes destacadas. Tamén queremos, entre todas, celebrar, visibilizar e contribuír a manter vivo o legado de todas esas mulleres transmisoras das cantigas que hoxe seguimos a cantar. Así nace o proxecto Entre Todas.

QUE É ENTRE TODAS?
Entre Todas é un proxecto colaborativo para dar a coñecer o maior número posible de informantes patrimoniais de poesía popular, os seus repertorios e os seus xeitos característicos de cantar e tocar, para visibilizalas, honralas e recoñecelas, a través dun arquivo de acceso libre creado coas achegas voluntarias das persoas que as coñeceron e rexistraron.

QUEN PROMOVE?
Tras esta proposta estamos María Vidal Solla (compiladora, mestra e intérprete de música de raíz) e Andar cos Tempos (Ana García, Carme Campo e Chus Caramés), iniciativa que leva 10 anos analizando os estereotipos de xénero que se dan na transmisión do baile e músicas tradicionais e visibilizando o papel das mulleres na tradición.

POR QUE ESTA INICIATIVA?
As persoas coidadoras do patrimonio inmaterial deste país recibimos con felicidade a decisión da RAG de dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras que crearon e transmitiron a nosa poesía de tradición oral, destacando a seis delas que cumpren os requisitos establecidos para recibir tal recoñecemento (ter obras publicadas e levar falecidas máis de 10 anos): Rosa e Adolfina Casás, Eva Castiñeiras, Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema.

Somos conscientes de que as cantigas son un patrimonio construído colectivamente, cantando a vida, socializando tarefas, acontecementos ou sentimentos de xeito melódico. Por iso, con esta iniciativa queremos sumar a esas seis mulleres xa nomeadas pola RAG os nomes do maior número posible de mestras cantareiras, e construír colectivamente un repositorio de figuras referenciais e os seus diversos xeitos de tocar e cantar.

QUE OBXECTIVOS PROCURA?
  • Visibilizar o maior número posible de informantes que atesouraron e transmitiron a poesía oral.
  • Crear un repositorio de xeito colectivo, onde todas as persoas poidan dar a coñecer aquela cantareira a quen tamén dedicarían o Día das Letras Galegas.
  • Ofrecer á comunidade portadora a oportunidade de coñecer o maior número de informantes e compiladoras posible.
  • Mostrar os repertorios e xeitos de tocar e cantar de cada unha das cantareiras.
  • Pór en valor, honrar e celebrar a nosa poesía oral e as nosas poetas de raíz.
  • Tecer unha rede de colaboración entre as persoas compiladoras participantes, que lles permita coñecerse entre si e compartir experiencias e coñecementos.

COMO SE VAI LEVAR A CABO ESTE ENTRE TODAS?
1. A recollida de información:
Poñemos a disposición este FORMULARIO onde rexistrar os datos da cantareira a quen lle gustaría dedicar o Día das Letras:
  • Información sobre a biografía da informante, as peculiaridades do seu repertorio e as súas características á hora de transmitilo.
  • Imaxes e arquivos de audio ou vídeo que amosen as singularidades descritas.
  • Datos das persoas compiladoras que participen no proxecto nomeando a cada unha das cantareiras e compartindo anacos dos seus arquivos.
2. A web:
Toda esa información, organizada en fichas para un doado acceso, será incluída nesta web, que se poderá consultar e difundir a partir do 17 de maio.
3. A cesión ao APOI:
Ao rematar 2025, o contido da web será transferido ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) – Museo do Pobo Galego, un repositorio en liña ao que se pode acceder de forma libre, creado grazas as achegas de moita xente xenerosa, como Dorothé Schubarth.

POR QUE ANIMARSE A PARTICIPAR?
Entre Todas quere ser unha iniciativa colectiva, construída pola comunidade, para honrar un patrimonio colectivo que tamén ten nomes propios: en primeiro lugar, os nomes das cantareiras a quen queremos homenaxear hoxe e sempre, facilitando o acceso ao que nos transmitiron en vida; por outro lado, os nomes das persoas que atesouran toda a información que elas transmitiron, grazas á súa dedicación e traballo.
Sumades as vosas mans? Entre todas, podemos alumear colectivamente eses nomes referenciais igual que, entre todas, construímos copla a copla o prezado ben inmaterial que son a nosa poesía oral e a música a ela asociada.

NOMEA UNHA MESTRA CANTAREIRA

PREME AQUÍ PARA COÑECER ÁS NOMEADAS
[email protected]
  • Inicio
  • Sobre nós
  • Intervencións
    • Exposición
    • Faladoiros
    • Obradoiros
  • Recursos
    • Publicacións
    • Materiais divulgativos
  • ENTRE TODAS
    • ENTRE TODAS
    • Nomeadas
  • Contacto