EXPOSICIÓN “ANDAR COS TEMPOS… ou de como cribar o gran para mañá”
En 2015 viu a luz a primeira das nosas accións: unha instalación expositiva con vontade didáctica en que se interpelaba á experiencia vital do público, convidándoo á reflexión, formulando preguntas e ofrecendo rexistros audiovisuais e materiais artesanais para guiar as respostas. Deste xeito, quen visitase a exposición facíao de maneira activa, confrontando os propios estereotipos e podendo atopar argumentos para os desbotar.
Nela debullábanse os estereotipos sexistas identificados e achegábanse recollas etnográficas para contrastalos, con persoas bailando ou facendo música sen axustarse a eles; reflexionábase tamén sobre o concepto de tradición dinámica a través de artesanía actualizada e vixente no século XXI e facíase unha apelación colectiva para seguir transmitindo o PCI sen carga machista.
Ademais do labor de reflexión, para a realización deste traballo Andar cos Tempos investigamos en arquivos etnográficos e sacamos á luz referentes, en 2015 case descoñecidos, de persoas doutras xeracións que romperon cos roles sexistas no reparto de instrumentos xa desde comezos do século XX: mulleres músicas como as gaiteiras Felisa de Bendilló ou Áurea de Cartelle; violinistas como Dolores Gómez Lage; bombeiras como Maruxa dos Rosales ou María Parapar; acordeonistas como a Tomasa; pandeireteiros como Angelito de Toutón ou Vigo dos Toxos...
Exhibiuse en:
EXPOSICIÓN “ENTRE TODAS”
Ao longo do ano 2025, Andar cos Tempos e María Vidal desenvolvemos o proxecto colaborativo Entre Todas, grazas ao cal compilamos información e rexistros audiovisuais de máis de cincuenta informantes patrimoniais de poesía popular. Ademais de facer accesibles estes recursos a través da web e de trasladalos ao Museo do Pobo Galego, para facilitar a súa difusión plasmámolos nunha exposición física, que se inaugurou nos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro xusto dez anos despois da estrea no mesmo espazo da primeira acción de Andar cos Tempos.
Na súa versión final, a exposición Entre Todas consta de 54 paneis, un de presentación e 53 cos datos de cada mestra cantareira, unha fotografía e un código QR para acceder ás súas gravacións de audio e/ou vídeo, así como o nome da persoa que xenerosamente achegou a información e os seus motivos para participar no proxecto.
Exhibiuse en: