A súa vida
Naceu o 13 de xaneiro de 1934 na parroquia de Grixoa de Esternande (Santa Comba), aínda que casou para o lugar de Boaña, no mesmo concello, onde reside actualmente e segue a traballar axudando a súa nora Elena co gando leiteiro. Aprendeu a tocar de ben pequena nas ruadas de Grixoa de Esternande. Nas súas palabras: "a nesesidá enseñoume sola", frase que condensa o que significaba a nosa música naquel tempo como medio de diversión, de socialización e de evasión dos duros traballos no agro e na mina de Varilongo (onde traballou desde ben noviña), así como o papel fundamental das mulleres para facer festa e, por suposto, traballar e erguer a familia e o país. María é, para nós, un exemplo a seguir; un espello no que mirármonos como sociedade.
O seu xeito de tocar e cantar
María ten o xeito de cantar e tocar propio da terra de Santa Comba. Ademais de cantar ben, canta bonito, cunha capacidade inmensa de transmitir emocións. Escoitala é abrir unha porta ao pasado, unha ventá ao presente e "virar mol o corazón máis duro". Tocadora da pandeireta, interpreta aqueles ritmos típicos da zona e que animaban as ruadas do seu tempo: riscado (muiñeira riscada), ghota (xota) e chape-chape (pasodobre).
A meirande parte do seu repertorio aborda as temáticas típicas do noso cancioneiro: amor, traballo, picaresca, festividades... Non destaca pola súa capacidade de improvisación, senón máis ben pola súa inmensa memoria: o seu saber vén herdado "das de antes", xeración tras xeración, e pode botar horas sen repetir unha cantarea.
A meirande parte do seu repertorio aborda as temáticas típicas do noso cancioneiro: amor, traballo, picaresca, festividades... Non destaca pola súa capacidade de improvisación, senón máis ben pola súa inmensa memoria: o seu saber vén herdado "das de antes", xeración tras xeración, e pode botar horas sen repetir unha cantarea.
Rexistros audiovisuais
|
Ficha técnica da gravación
|
Quen a nomea?
Alejandro Martínez Míguez (Ales da Peregrina)
alexmmiguez@gmail.com
alexmmiguez@gmail.com
Por que?
María non é unha informante: é unha amiga, unha avoa postiza, unha mestra. Son tantas as veces que nos xuntamos para cantar, xantar, cear... que compartir o saber de María e a súa memoria é compartir tamén un anaco da miña alma.