A súa vida
Rosa Abella (1925-2024) era de Espiñeireda de Ancares, concello de Candín, xa na provincia de León: trátase dunha área galegófona na vertente leonesa da serra dos Ancares, con moito contacto coas vertentes galega e asturiana. Aprendeu a tocar de nena, na aldea, para os bailes comunitarios semanais e non saíu de Espiñeireda ata os seus últimos anos, cando foi para unha residencia. Ela e Nélida Osorio (1933-2023) pasaron xuntas moito tempo e moitas tardes de contar, cantar e tocar, tamén con moitas persoas que tivemos a sorte de coñecelas.
O seu xeito de tocar e cantar
O seu repertorio é moi extenso e comprende bailes soltos, como o corrido, a mulineira, a xota, o bienparao, os pollos, o chao e a dulzaina; e agarrados, como o pasodobre, a rumba e o tango. Este repertorio é compartido en gran parte con Nélida Osorio, aínda que esta só lembraba vagamente os corridos, os pollos, o bienparao ou a dulzaina, que Rosa lembraba con precisión, e en cambio Rosa lembraba moito menos os agarrados. Tamén gustaba moito dos romances, aínda que sempre dicía que eran longuísimos e prefería cantar coa pandeira. O toque de pandeira é complexo e moi variado, segundo o ritmo do baile que sexa, sempre coa pandeira na man esquerda, con xeito a dúas mans con batidas da dereita (polgar + dedos opostos), unha soa man (dereita), man volta...
Usaba cantigas de oito sílabas, como na maioría do repertorio da tradición musical oral, coa temática habitual arredor de lugares, bailes, amoríos, viaxes, animais... O galego tiña moita presenza, aínda que non total, malia que na fala o galego é máis que dominante en Espiñeireda. Rosa maioritariamente reproducía versos aprendidos.
Usaba cantigas de oito sílabas, como na maioría do repertorio da tradición musical oral, coa temática habitual arredor de lugares, bailes, amoríos, viaxes, animais... O galego tiña moita presenza, aínda que non total, malia que na fala o galego é máis que dominante en Espiñeireda. Rosa maioritariamente reproducía versos aprendidos.
Rexistros audiovisuais |
Ficha técnica da gravación
|
Quen a nomea?
Por que?
Nomeo a Rosa pola variedade do seu legado, pola amizade e o cariño con ela e para poñer en valor este repertorio e a presenza nel da lingua galega.